set
18
2008
2

A prol dunha asemblea nacional que reforze ao BNG cara as próximas eleccións

As circunstancias políticas e urxencias electorais recomendan a celebración dunha asemblea con carácter extraordinario e limitada só aos aspectos imprescindíbeis para cumprir cos mandatos estatutarios previos aos procesos electorais e non acometer debates de teses de fondo nin tensar á organización con procesos internos como sería a elección dunha nova dirección.
A inminencia das eleccións, debe facernos afirmar e proclamar que é o momento de xuntar esforzos, recuperar apoios e reavivar ánimos que dean ao BNG un resultado electoral que permita levar a cabo as políticas autenticamente transformadoras que sempre defendemos.

Son tempos de sumar e non de restar

É difícil de entender que, estando de acordo en adiar debates de fondo para o próximo ano, se se quere facer da A.N. o primeiro acto de afirmación electoral, se faga un calendario e un regulamento que impiden a participación directa e efectiva da militancia, centrando o debate das asembleas comarcais en cuestións regulamentistas forzando unha confrontación, máis ou menos dura, para elixir uns delegados que non se sabe moi ben que función teñen nunha asemblea como a que imos celebrar para designar un candidato que ninguén cuestiona e para unhas poucas reflexións básicas para orientar o traballo do BNG no goberno para os catro próximos anos.
O calendario e regulamento que se propón por parte da maioría da Executiva e posteriormente do Consello Nacional, só se explica dende unha profunda desconfianza da base militante e como un primeiro exercicio práctico para ensaiar o control sobre o BNG para procesos futuros.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Written by irmandinhosourenseen: Nacional, Ourense | Etiquetas, , ,
set
06
2008
0

O Encontro Irmandiño quere unha Asemblea Nacional centrada nas propostas que o BNG vai facer á sociedade galega

Para nós que seguimos acreditando na madureza da militancia do BNG, probada unha e mil veces e en escenarios sociais e mediáticos ben hostís, o camiño ten que ser o contrario ao proposto. O BNG que se propuxo abrirse á sociedade non pode pecharse á militancia. Precisamos da participación de todas e todos para atinar na análise do contexto político e fixación de obxectivos de cara ás eleccións autonómicas, para iso compre que dos debates asemblearios se tiren conclusións que se incorporen ao documento da A.N. por consenso ou votación como corresponde a unha organización asemblearia.

Temos que centrar a asemblea en acordar as mensaxes e propostas que imos dirixir á sociedade e non en estériles debates regulamentistas que a moi poucos van interesar.

EMENDA COMPLETA

Texto completo da emenda que presentou o Encontro Irmandiño no CN do 30-08-2008

Perante a Asemblea Nacional Extraordinaria que imos realizar para a designación do candidato á Presidencia da Xunta polo BNG:

CONSIDERACIÓNS PREVIAS E XUSTIFICACIÓN DA EMENDA

As circunstancias políticas e urxencias electorais recomendan a celebración dunha asemblea con carácter extraordinario e limitada só aos aspectos imprescindíbeis para cumprir cos mandatos estatutarios previos aos procesos electorais e non acometer debates de teses de fondo nin tensar con procesos internos como a elección dunha nova dirección.

A inminencia das eleccións, sexan en marzo ou en novembro, fainos coincidir coa consideración de que é o momento de xuntar esforzos, recuperar apoios e reavivar ánimos que dean ao BNG un resultado electoral que permita levar a cabo as políticas autenticamente transformadoras que sempre defendemos.

O que é difícil de entender é que estando de acordo en adiar debates de fondo para o próximo ano, se se quere facer da A.N. o primeiro acto electoral, se faga un calendario e un regulamento que impiden a participación directa e efectiva da militancia, centrando o debate das asembleas comarcais en cuestións regulamentistas forzando a confrontación, máis ou menos dura, para elixir uns delegados que non se sabe moi ben que función teñen nunha asemblea como a que imos celebrar para elixir un candidato e para unhas poucas reflexións básicas para orientar o traballo do BNG no goberno para os catro próximos anos.

O calendario e regulamento que se propón só se explica dende unha profunda desconfianza da base militante ou como un primeiro exercicio práctico para ensaiar o control sobre do BNG. É rechamante a proposta de constitución e encomenda a unhas supostas comisións de garantías, do control e dirección de procesos ordinarios do BNG, como é o censo ou a presidencia de asembleas comarcais, en substitución dos órganos da organización ordinaria e a súa composición especialmente grave se de garantías se trata, especialmente nas Comarcais que reserva para a lista maioritaria unha maioría da comisión. Sobran estas comisións equívocas polo xa dito e sobre todo cando estatutariamente xa existe Comisión de Garantías para outro fin.

Para nós que seguimos acreditando na madureza da militancia do BNG, probada unha e mil veces e en escenarios sociais e mediáticos ben hostís, o camiño ten que ser o contrario. O BNG que se propuxo abrirse á sociedade non pode pecharse á militancia. Precisamos da participación de todas e todos para atinar na análise do contexto político e fixación de obxectivos de cara ás eleccións autonómicas, para iso compre que dos debates asemblearios se tiren conclusións que se incorporen ao documento da A.N. por consenso ou votación como corresponde a unha organización asemblearia.

Temos que centrar a asemblea en acordar as mensaxes e propostas que imos dirixir á sociedade e non en estériles debates regulamentistas que a moi poucos van interesar.

En primeiro lugar temos que reilusionar á militancia desencantada. Porque é un feito obxectivo ao que lle hai que poñer remedio, que unha grande maioría da militancia sente que non participa nas decisións que case sempre lle son comunicadas pola prensa e se ten inhibido de participar nas asembleas comarcais e locais. Mesmo cando se trata de elixir candidatos, a participación que até hai poucos anos era masiva, é agora ridícula.

Proposta de Emendas ao Calendario:

  1. Reducir a convocatoria de asembleas comarcais, e con máis tempo para a súa realización, facendo unha convocatoria única na que se trate todo o contido da A.N.E.: regulamento, Informe do Consello Nacional e candidaturas á Presidencia da Xunta.

  2. Manter igual no que se refire estritamente ao tempos de aprobación do censo definitivo e formalización de candidaturas para a Presidencia da Xunta, podéndose acurtar prazos e adiantar a A.N. no caso de darse un anticipo electoral.

Proposta de Emendas ao Regulamento:

  1. Sendo competencia do C.N. establecer a proporción de delegados que deban asistir á A.N. acordase un delegado/a por afiliado/a. Podendo en consecuencia asistir todas e todos os militantes que comuniquen a súa inscrición como delegados/as no local comarcal cunha antelación de cinco días á celebración da A.N.

  2. Está lexitimado/a para presentar a súa candidatura á Presidencia da Xunta calquera afiliado/a ao BNG dado/a de alta na organización con anterioridade á convocatoria da Asemblea. Para que as distintas candidaturas sexan proclamadas será necesario contar cando menos co aval do 25% dos membros do Consello Nacional electos directamente na A.N.O. ou de 400 ou máis afiliados/as ao BNG de pleno dereito.

  3. Cada militante de pleno dereito só poderá avalar a unha candidatura.

  4. Quen se postule para candidato/a á Presidencia da Xunta, co fin de poder dirixirse á militancia para solicitar avales e apoio, disporá a partires do 1 de setembro, do censo de afiliadas e afiliados en soporte informático así como as actualizacións que se vaian producindo de acordo co calendario. Os candidatos/as faranse responsábeis de xeito expreso do cumprimento do estabelecido na Lei de Protección de Datos.

  5. Os consellos comarcais no seu ámbito e a Executiva Nacional, xunto cun representante por candidato/a, serán os encargados de velar pola limpeza do proceso electoral.

  6. O Informe Político presentado polo Consello Nacional centrado na análise do contexto político e fixación de obxectivos de cara ás eleccións autonómicas, terá unha sintética parte dispositiva que poderá ser emendada, dándolle o tratamento regulamentario de tese.

  7. A Asemblea Nacional Extraordinaria estará formada polo Pleno. Presidirá o Pleno o Consello Nacional. O Consello Nacional designará dous secretarios/as e dous moderadores/as. Serán funcións dos secretarios/as levantar acta da Asemblea Nacional. Será función dos moderadores/as ordenar os debates nas sesións plenarias da Asemblea e velar polo cumprimento do horario e da orde do día.

  8. Para todo o demais aspectos non contemplados nesta emenda rexerá subsidiariamente o regulamento aprobado para a XIIª A.N. coa excepción das emendas aprobadas nas Asembleas Comarcais que serán debatidas unicamente no Pleno.

Galiza a 26 de agosto de 2008

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Written by irmandinhosourenseen: Nacional | Etiquetas, , , ,

funcionando en WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes